VILLAR, RAFA: Manifesto do Batallón Literario da Costa da Morte



O texto que se presente a continuación non é propiamente un manifesto literario en canto non está explicitado como tal, mais polo seu contido, en canto que fai expresa a concepción que do labor poético teñen os autores e as autoras deste colectivo literario si que podemos falar del como "manifesto".



A Experiencia Da Poesía Desde O Batallón Literario Da Costa Da Morte


N'era cousa de chamar as xentes á guerra, e desertar
d'a bandeira qu'eu mesma había levantado
(Rosalía de Castro)

Escribir poesía resúmese na suma de dous elementos: o coñecemento e a comunicación, que transcenden desde a máis radical soidade do ser humano a través dun código, a linguaxe, sometida esta polo poeta a profanación, a desgaste, a devastación, e tamén a descubrimento e a reconstrucción.
A poesía é, polo tanto, unha experiencia, singular de seu (como tantas outras experiencias) mais para a que non fai falta estar tocado de ningunha caste de divindade: como moito, a poesía é un lume arrebatado aos deuses, e logo inzado polas mans e os corazóns das xentes, pero nunca concedido por aqueles. […]
A nosa iconoclastia é, logo, unha descrenza: a negación de que non é posíbel o camiño, a utopía. Somos, por xeración humana, a primeira a que se nos dixo que non era tempo de revoltas, que non había revolución ou que non era necesaria. De aí que sentísemos a necesidade de "matar o pai", ou dígoo, con maior exactitude, con palabras dun poema de A primeira visión, de María Lado, batalloneira ela:
"(...) Matei o pai, a nai, e as ninfas que os criaron
e metinos en sal nunha hucha con tapa de uralita
e todas as noites chegan os anacos á nosa cama
e empéñanse en dicir que somos cadáveres poéticos."
Esta morte dos proxenitores prodúcenos, como non podía ser doutro xeito, angustia e vertixe, porque, aínda descalzos, debemos camiñar, nós, sós, sempre, máis alá.
E así e todo, temos a certeza absoluta de que alguén, máis tarde que cedo, dará en falarnos e dirá: "nós fomos paridos polos nosos fillos e seguimos a súa loita con máis forza que nunca", palabras de Hebe de Bonafini, que levan a memoria constante de 30.000 arxentinos todos os xoves nunha praza bonaerense.
No Batallón Literario confluímos en diversas estéticas, tantas como insubmisos somos a esta Historia que nos allea, e nunha soa ética: a de traballar por descubrirmos nas xentes -e se for preciso, por descubrírmoslles- que nas súas mans e nos seus corazóns está a poesía.
O Batallón Literario da Costa da Morte é un batallón para a paz e non para a guerra, pero a nosa paz non é deste mundo, nin tampouco a daqueles xa poden repitir os versos de José Emilio Pacheco: "Xa somos todo aquilo/ contra o que loitamos aos vinte anos". A nosa paz é ese lema con que nos ollamos os uns aos outros e nos convencemos de ir máis alá, porque continúa a acción directa.
Cada un, cada unha, desde o bordo dos nosos límites, tentamos falar coa nosa voz -non con voces impostadas- e non co empeño de deixar a nosa voz en cada recital, en cada publicación, en cada encontro, senón coa certeza de que con ela, co seu berrar (ás veces tan xordo), deamos na memoria esquecida das xentes; e recobremos para nós as súas voces, da poesía nas súas mans e nos seus corazóns.
Entre o poeta e o seu público (chámese lector ou oínte, segundo a maneira con que este se achegue a aquel) xérase un vínculo íntimo, unha solidariedade emocional e intelectual, que transcende a personalidade dun e doutro, e o que é máis importante, transcende límites temporais: un lector é quen de establecer hoxe esta relación solidaria cunha cantiga da nosa tradición medieval. Trátase dun encontro as máis das veces fuxidío, que sen embargo pode acabar facéndose perdurábel, e por iso un lector mantense fiel, por un tempo máis ou menos extenso, á lectura de certos escritores e escritoras.
Con todo, o escritor sempre afirma non se sentir amarrado a ese público lector e consagra -como parece fundamental- a súa obra a un espacio de liberdade creadora, real por canto un poema ou un libro de poemas só é susceptíbel de nacer desde os lindeiros da liberdade, aínda que é ben sabido que hai poemas que en realidade non nacen, senón que son arrincados das mans e do corazón do poeta.
A acción directa da que falaba arriba, recollendo o lema do Batallón Literario, cómpre situala nesa contradicción que se dá entre o territorio do poeta e o territorio do público. Nós buscamos os camiños penedíos da fronteira, aí onde o escritor comeza a sentirse máis público ou lector e este máis escritor, pois descobre que tamén é dono da experiencia da poesía: descobre, en definitiva, que nas súas mans e no seu corazón están o coñecemento e a comunicación que só o fío longo da linguaxe fai horizonte posíbel.
E acabo, con Rafael Dieste, cunha frase extraída do seu Antre a terra e o ceo, e que di: "Que o poeta grite o seu poema na eira e na riveira, anque non lle entendan...", xa que esta se cadra é a única maneira de devolver a poesía ás mans e aos corazóns da xentes.

Nota final.- Onde se di Batallón, enténdase que se trata da parte polo todo, unha metonimia que nos segue a comprometer a todas e a todos os que queiran aceptar o compromiso.


Comunicación presentada ao I Congreso da Poesía Galega,
Vilagarcía de Arousa, setembro de 1997