Manuel Antonio


Manuel Antonio Pérez Sánchez foi plenamente consciente de que asumía o papel de renovador e reflexionou sobre a poesía anterior, buscando nas máis diversas fontes ata que atopou o seu camiño. Tentou reconstruír unha visión totalizadora do mundo, unha cosmovisión que se inscribe nas coordenadas da concepción da poesía como forma de coñecemento.
  • Prosa de Manuel Antonio
Dentro da produción literaria do autor ocupan un papel especial dous textos en prosa que seguen as coordenadas da literatura rupturista das proclamas de vangarda:
- O manifesto Máis Alá, 1921. Escrito por el e asinado tamén polo debuxante Álvaro Cebreiro.
- Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribiu.
Ambos son considerados manifestos en canto comparten o espírito de provocación e son miméticos a respecto dos manifestos de vangarda internacionais.
  • Características da poesía de Manuel Antonio
- Ruptura formal: versolibrismo, ausencia de rima e dos signos de puntuación.
- Disposición libre da tipografía.
- Emprego de tecnicismos, neoloxismos e estranxeirismos.
- Ausencia de fío argumental.
- Sucesión de imaxes de carácter creacionista nas que o termo real non garda relación co termo imaxinario.
- Presenza recorrente de motivos como: o mar no que proxecta o seu ánimo o poeta; o paso do tempo; e unha vivencia da condición humana en clave existencial.

  • Elementos do Creacionismo en Manuel Antonio:
- Emprego de voces estranxeiras: alemán, inglés, fran-cés, pe-ro nunca do español. A introdución dos estranxeirismos é propia do cosmopolitismo da vangarda e ten a explicación biográfica nas súas viaxes.
- Utilización dos termos da linguaxe científica (influencia do Futurismo).
- Busca da imaxe epatante, mesmo introducindo un discurso realista, ou coloquial, en determinados momentos.
- Introdución no poema de variados discursos, algúns extra-poéticos: clave en morse "S.O.S."; fragmentos de cantigas popula-res; fórmulas químicas, o que lle dá ao poema unha sensación de crebacabezas.
- Ausencia de ritmo, herdo das vangardas que propugnaban unha ruptura coa musicalidade dos poetas precedentes.



  • Obra poética
- Con anacos do meu interior, 18 poemas escritos entre 1918 e 1920. É un libro de transición cara ao vangardismo, sen temática definida, pero cun predominio constante da noite, a soidade, a inquedanza polo destino, polo descoñecido e o porvir.

- Foulas, 28 poemas datados entre 1922 e 1925. Continúa o proceso de asunción da estética vangardista. Non ten unha temática homoxénea, malia a aparición de imaxineria mariñeira. Un mar visto desde a costa, previo á travesía de De catro a catro.

- De catro a catro, 19 poemas, aínda que editado en 1928, foi escrito durante a súa navegación co "Constantino Candeira", como o manifesta o autor no manuscrito (1926-27). Foi o único libro publicado en vida do autor. A obra reflicte o proceso da viaxe marítima, seguindo unha liña temporal. Comeza con "Intencións" onde o poeta anuncia que vai comezar a singradura, e amósase ilusionado ante unha nova experiencia. Continuan 17 poemas nos que se manifesta unha vivencia interna do mar, e unha experiencia íntima en contacto co cosmos que o rodea. No medio da navegación hai unha escala en terra, os poemas 8 e 9, "Recalada" e "Navy bar". Remata a viaxe cunha volta á terra, o poema "Adeus" é a súa despedida saudosa que significa o regreso á vila natal, que será o seguinte poemario: Viladomar.
Este proceso axústase a unha estrutura mítica, o suxeito abandona o mundo coñecido e protector da beiramar -ao que volve rematada a navegación- pero a travesía ofrécelle un conxunto de vivencias que debe descifrar. O poeta, co-mo Ulises, realiza unha navegación iniciática, percorrendo o mesmo itinerario: Abandono do coñecido. Aventura, abrirse ao novo. Regreso renovado pola experiencia. O universo simbólico da aventura interior do suxeito vén manifestada por varios símbolos: o mar (simboliza a vida), o barco (representa o poeta, o eu lírico que comeza a viaxe), a proa (significa o futuro), o ronsel (simboliza o pasado), o mastro (dálle ánimos para continuar a travesía), o leme (representa o rumbo definido, o vento (simboliza o dinamismo), etc.
Este libro presenta unha tripla orixinalidade:

- Lingüística ao introducir cultismos inéditos na nosa literatura e introducir o léxico da navegación.
- Temática en canto que presenta o mar desde o propio mar conformando unha paisaxe ata daquela descoñecida.
- Formal no tratamento rupturista e nas imaxes vangardistas.
A pegada creacionista neste libro é grande pero existen algunhas características que afastan o libro do vangardismo, como o carácter unitario do poema e a anulación da distancia entre o obxecto poético e o suxeito lírico.

Sempre...e máis dispois, 7 poemas un argumento unitario e personaxe común: Xan, emigrante en Bos Aires. A temática rural contraponse ao mundo moderno. Usa imaxes tipográfico-visuais na liña dos caligramas cubistas e creacionistas. Rómpese a orde habitual de lectura e do verso.

Viladomar, 6 poemas de 1928. Temática ligada á de De catro a catro, pero focalizando o remate da singradura na terra. O eu poético reflexiona sobre o seu papel no universo, o paso do tempo, a morte. Hai ruptura formal co anterior e os poemas teñen regularidade métrica e discurso lóxico, aínda que imaxes vangardistas.

  • Le agora estes textos de Manuel Antonio como mostra do seu labor literario:
Manifesto "Máis alá"

Intencións

SÓS

Navy bar

Chove na Cidade e Chove na Aldea